Senderismo

Ruta pr-g 125 Sendeiro de Visantoña

Se por algo se caracteriza esta ruta é polas vistas da paisaxe tradicional rural galega onde conviven harmoniosamente grandes extensións de prados e cultivos con sebes naturais, regatos que alimentan o encoro de Portodemouros e fragas de árbores centenarios que impasiblemente gozan do paso do tempo, sempre vixiados polos maxestuosos pazos noutra época máis esplendorosos.

O concello de Santiso pode gabarse do seu rico patrimonio en elementos arqueolóxicos, cunha boa representación da construción castrexa e megalítica, contando con mais dunha ducia de castros e mámoas espalladas por todo o seu territorio.

Seguidamente xurde a arquitectura relixiosa e popular. Cun elevado número de igrexas ligadas a cada unha das 17 parroquias, moitas veces acompañadas dos fermosos cruceiros que intercálanse coas numerosas construcións populares como pazos, hórreos e pombais.

A orografía do terreo aparece quebrada por pequenos vales erosionados ao longo do tempo polos ríos que  regan toda a súa superficie.

Intentando amosar unha mostra deste rico patrimonio, a ruta PR-G 125 Sendeiro de Visantoña, de aproximadamente 14 qm, parte do Local da Asociación “O Noso Lar” no lugar de Seoane. Seguindo a dirección contraria das agullas do reloxo partimos por unha pista de terra en dirección ao Pazo de Vilar de Ferreiros. Con capela, hórreo, pombal e fonte é, tras varias remodelacións, un dos mellores conservados de Galicia e un bo representante da arquitectura relixiosa, civil e popular.

Seguidamente atoparemos o Castro de Vilar de Ferreiros, que conserva en bo estado parte do foso e parapeto defensivos na parte O e NO. Sen escavar, agocha un tesouro de pezas de alto valor arqueolóxico xa que non foi espoliado como outros.

Continuando co roteiro e logo de gozar varios quilómetros da paisaxe rural tradicional,chegamos aos Muíños do Tajo. Situados no regato que lles da nome, son catro construcións populares onde se realizaba a moenda  do grao de cereal cultivado na bisbarra.

Camiñamos un pouco máis dun quilómetro e chegamos á aldea do Ribeiro. O Pazo do Ribeiro maila súa capela, ámbolos en estado de abandono, emerxen para amosarmos a importancia que algunha vez tiveron no pasado.

Nesta aldea podemos apreciar un conxunto de construcións prehistóricas. As Mámoas do Ribeiro, situadas nun outeiro dominando o val, trasládannos á cultura megalítica tan presente neste concello.

Continuamos o percorrido pola beira do Encoro de Portodemouros. Debido a súa construción nos anos 60, quedaron asolagadas as aldeas de Brocos en Agolada e Ribadulla en Santiso. Dende o ano 1975 está en funcionamento unha  barcaza que une as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso).

Actualmente, ademais de aproveitamento eléctrico inicial, utilízase para a práctica de deportes náuticos.

Despois dunha pequena pero forte subida atopámonos co Castro de Seoane, que conserva parte da muralla defensiva exterior logo de ser practicamente derruído para a adecuación do terreo á práctica agraria.

A escasos metros encóntrase a Área Recreativa de Valiñas acompañada da piscina municipal, onde podemos facer un descanso no camiño, xa que que ten mesas, bambáns e grellas á sombra dos carballos e piñeiros.

Case pegado atópase o Campo da Festa, tamén con bambáns, mesas e grellas; é o lugar de celebracións das festas populares e relixiosas da aldea de Visantoña.

A Igrexa de San Xoán de Visantoña, érguese no centro do núcleo de poboación de Seoane. Das máis amplas do concello, ten planta rectangular, dúas capelas e sancristía encostadas nos laterais. No adro está situado o cemiterio.

O camiño pasa a carón do cruceiro de San Xoán de Visantoña. Situado non cruce de camiños, destacando unha base onde se representan catro caveiras, un fuste con cabezas de anxos e a cruz con dúas figuras en sendas caras.

Remátase a escasos metros, na Área Recreativa de Seoane, con mesas á sombra de carballos, onde se pode descansar despois dos 14 qm percorridos nesta fermosa andaina.

DESCARGAR MAPA


Descargar fichero Ruta KMZ
Descargar fichero Ruta GPX
Descargar fichero Ruta PDF

MIDE (Método de Información de Excursións)

Escala de 1 a 5 onde 5 é a máxima dificultade

Severidade do medio natural: 1
Orientación no itinerario: 2
Dificultade no desprazamento: 1
Esforzo necesario: 3

14,48 km

377 m

379 m


Dificultade técnica: Moderado, Tempo: 4 horas